Non baixes da beirarrúa
Conta Ferrán Suay unha historia do tío Enric que se chama “A boa educación dos/as bahameños/as”. Nunha ocasión foi de vacacións ás illas Bahamas o tío Enric. Estaba alucinando coa xente de alí: homes e mulleres espectaculares, con grandes ollos e moitos con ollos verdes. Cando ían andando pola beirarrúa, se te vían vir, baixaban dela. Era todo alucinante.
Nun principio, pensou que era cuestión de hospitalidade e boa educación, mais era unha persoa moi atenta e fixouse moito nese detalle. Tras observar durante un tempo, descubriu que só eran os/as negros/as quen lles deixaban pasar. E só o facían cos/as brancos/as e non entre si.
Deulle unhas voltas ao tema. E acabou pensando que non era cuestión de hospitalidade, nin de boa educación. Era una cuestión de submisión. Ultimamente veume moitas veces á cabeza o conto de Ferrán.
Cantas veces ao día baixa da beirarrúa unha galegofalante? Cantas veces baixa sen necesidade? Na tenda, no concello, no ambulatorio, cando te chaman as comerciais ao móbil, coas túas fillas, para ligar, para falar de fútbol,...
Demasiadas veces ao día, e delas demasiadas veces nas que baixamos sen ningunha necesidade, nas que baixamos da beirarrúa sen pensar sequera en que poderiamos ficar nela tranquilamente, sen baixarmos. E seguirmos en galego.
Hai que intentar non baixar da beirarrúa sen necesidade… De todos os xeitos, de vez en cando deberiamos baixar todas e todos das beirarrúas e quitarlles un pouco de espazo aos coches, aínda que só sexa por ecoloxía lingüística.
Iruzkinak
Utzi iruzkina: