Turbillón
Hai uns anos, nunhas xornadas de formación escoitei a palabra traganarrua (é euskara, en galego sería mais ou menos “turbillón”). Esa formación fora impartida por xente da cooperativa Emun, que despois serían as miñas compañeiras de traballo. Hai pouco lin un libro e lembrei outra vez a palabra.
O libro falaba sobre como foi introducido o éuscaro na universidade, como xurdiu a comunidade científica euskaldún. É un libro de Karmele Artetxe, a presidenta da Udako Euskal Unibertsitatea, así que sobre o tema algo xa sabe. E ela di que ao principio o euskara entrou na universidade polo impulso de alumnado e profesorado euskaldún. Moitas veces estes intentos foron posibles grazas á deixadez da propia universidade; outras veces, polo contrario, foi posible a pesar das eivas da universidade. Isto é, nun principio o impulso foi do vento de abaixo.
Despois dese impulso inicial, chegou unha pequena “normalización”. Desde arriba tamén comezaron a impulsar o uso do euskara na universidade (fundamentalmente na Universidade Pública Vasca). E froito diso, foi pouco a pouco desaparecendo o vento de abaixo.
Ese mesmo proceso aconteceu no resto de espazos tamén: a medida que a administración ía impulsando o uso do euskara, a iniciativa popular ía reducíndose. Aínda que non desapareceu nunca (a vasca segue a ser unha das comunidades lingüísticas onde máis forza ten o impulso de abaixo).
As compañeiras de Emun dicían algo semellante naquelas xornadas de formación. Nun principio, os plans para o fomento do euskara nas empresas viñan desde abaixo: os traballadores e as traballadoras foran quen impulsaran as empresas para que desenvolveran os plans. Despois, polo contrario, viñan tamén impulsos desde arriba: as direccións de moitas empresas tamén fixeran o plan seu. E, nese contexto, reinvindicaran o traganarrua (o turbillón).
Eu estou de acordo con iso. É necesario o vento de abaixo a arriba, e tamén é necesario o de arriba a abaixo. E se os dous coinciden, crearán o traganarrua (o turbillón) e liberarán sinerxias. En Euskal Herria e en Galiza.
Cada un desde o seu sitio, debera crear as condicións necesarias para que haxa dous ventos e para que vaian da man. Por onde comezamos? Eu creo sinceramente que hoxe é mais necesario que nunca o vento de abaixo… sen esperar a que veña o vento de arriba. Agora hai que organizar os e ás galegofalantes consecuentes para crear o vento de abaixo. Ánimo, hai moito por facer.
Iruzkinak
Utzi iruzkina: