Como optimizar a socialización dos/as nenos/as en galego?

garaigoikoa 1456132721854 Garaigoikoa | 2013-07-09 12:15

Hai que ter en conta que un neno que estuda no modelo de inmersión en galego só pasa o 14% das súas horas espertas ao ano en galego (tendo en conta que a oferta é moi limitada). O outro 86% poida que si ou poida que non. Por iso, é absolutamente necesario traballar coas familias e coa comunidade próxima para tentar que o 86% restante tamén se desenvolva en galego.

 

Até o de agora falouse moito de transmisión. É un concepto que se emprega moito en Euskal Herria, aínda, pero a sociolingüista Paula Kasares propón outro concepto que se chama socialización. A transmisión é un concepto estático, de arriba a abaixo, unidireccional, de adultos/as a nenos/as. Pero nosa complexa situación non se pode explicar satisfactoriamente con ese concepto. Por iso, eu prefiro falar de socialización, que é un concepto dinámico, multidireccional (de arriba a abaixo, pero tamén de abaixo a arriba, os nenos son os que moitas veces levan para casa novidades lingüísticas, e entre iguais), máis amplo que a transmisión (tamén participan deste concepto a propia escola, a comunidade, as decisións culturais de familia e demais).

 

 

Polo tanto, na socialización participan tres elementos fundamentais: escola, comunidade e familia, que por suposto están absolutamente interrelacionados. O noso obxectivo (desde o punto de vista de recuperadores/as dunha lingua minorizada) debe ser optimizar ao máximo a exposición ao idioma nestes tres campos.

 

Empezando pola escola, é imprescindible a inmersión lingüística. Pero non unha inmersión calquera, senón unha inmersión cun obxectivo comunicativo. Temos que romper os moldes da educación en España que se caracteriza pola pasividade do alumnado. Os e as alumnas deben comunicarse o máximo posible dentro das aulas, se queremos que consigan na escola un repertorio lingüístico acorde coas nosas esixencias. E, ademais, a escola debe traballar a identidade.

 

 

Seguimos coa familia. A familia é clave, é decisiva para a recuperación das linguas. Débese tentar conseguir que a familia sexa un reduto de inmersión lingüística. Para iso, é fundamental o papel do pai e da nai. Deben ser consecuentes: é dicir, deben tentar empregar o galego en todas as situacións en que poidan. E é fundamental o idioma da parella. E ese idioma é o mesmo que se debe utilizar cos cativos. É absolutamente fundamental ser leais, non cambiar de idioma xamais, aínda que o neno veña falando en castelán. Hai que manter a coherencia.

 

Outro aspecto fundamental dentro da familia é o consumo cultural. Hai que tentar que o consumo familiar sexa en galego. É difícil, seino, porque non hai suficiente oferta, pero hai que buscar a que hai e consumila. Dentro do consumo familiar tamén é moi importante o que se dá fóra da casa: teatros, contacontos, circo... Tedes que aproveitar as vantaxes que ofrece a proximidade co portugués. Nós temos que crear todo desde 0, vós podedes partir do portugués para achegarvos ao galego.

 

Mención á parte merece a televisión. Son consciente de que a oferta é moi limitada, pero hai que tentar que ese consumo sexa en galego. Na actualidade tamén se pode realizar consumo audiovisual no computador e aí, vós tedes nas vosas mans todas as vantaxes de pertencer ao mundo da lusofonía.

 

Pero hai máis: a irmá ou o irmán maior teñen un labor fundamental. Xa dixemos que a socialización non é unidireccional, e na socialización ten unha importancia vital a relación entre iguais. É difícil abranguer este punto, pero por que non encargarlle á irmá maior (ademais de coidar en determinadas ocasións do pequeno que coide lingüisticamente del). E adoita dar bos froitos (sempre lles gusta aos rapaces que se lles encomende unha tarefa familiar).

 

E aínda máis: se se contrata un coidador, débese ter en conta a cuestión lingüística. Aos avós/as tamén se lles debe dicir cal é a decisión familiar tomada en torno ao idioma, e débeselles pedir que colaboren (ou que non entorpezan, polo menos). E cando xa sexan máis maiores: actividades extraescolares, grupos de tempo libre, etcétera.

 

Como colofón a todo isto, hai que ter en conta que o aspecto lingüístico é un tema a debater en familia. Cando unha parella decide ter un fillo, toma moitas decisións. E tamén ten que decidir explicitamente sobre o tema lingüístico.

 

 

E, por último, a comunidade próxima. Na comunidade próxima, están o parque, os/as amigos/as, o barrio, ... Este é o campo máis difícil de articular, pero débese tentar que se desenvolva tamén en galego. Por exemplo, nos últimos tempos desenvolvéronse dúas iniciativas en EH (en Gasteiz e Pasaia), impulsadas polos pais e nais para que os rapaces xoguen unha vez á semana en eúscaro no parque. É unha iniciativa, a pesar de que aínda queda bastante por andar (e seguro que hai moitas máis).


Utzi iruzkina: